Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Conceptos chave para entender a Axenda Urbana 2030 de Santiago (II)

ConceptosChaveAxendaUrbanaSantiagoII

Continuamos amosándoche os principais conceptos cos que comprenderás máis sobre a importancia da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Velaquí outros cinco termos cos que te deberás familiarizar para saber máis sobre este documento estratéxico.

Cidade compacta

Outro dos termos chave que atoparás sobre a Axenda Urbana 2030 de Santiago é o de cidade compacta. Este concepto refírese á creación dun espazo urbano que promova a proximidade dos servizos e a convivencia entre diferentes. Para isto, cómpre contar cunha axeitada planificación que reordene as urbes para que sexan máis eficientes e estean enfocadas ao concepto de cidade camiñable evitando, deste xeito, a dispersión poboacional.

Unha cidade compacta desenvolve o uso mixto dos solos, fomentando a integración dos de tipo residencial e os terciarios. Deste xeito, poderíanse acurtar os tempos de traslado -por exemplo, a posibilidade de ir ao traballo camiñando ou en transporte público-, o que contribuiría, ao tempo, á redución da dependencia do vehículo privado. Ademais, contando con espazos amplos e de convivencia entre diferentes, promóvese unha cidade máis segura e na que as persoas tamén participen.

Centrándonos no caso de Santiago, contamos con dous grandes núcleos urbanos dentro da cidade: o casco histórico e o Ensanche. Para conseguir esa cidade compacta prevese o estabelecemento de diversas canles de conexión entre barrios de xeito que se promova a convivencia entre diversos tipos de solos, creando, á vez, espazos de encontro para os diferentes grupos poboacionais. Estas canles reforzarán, ademais, ese concepto de cidade camiñable, promovendo os desprazamentos a pé ou en transporte público.

Resiliencia

Sen dúbida, este un dos conceptos que máis teñen soado nos últimos anos. Tanto que xa se refire a unha actitude vital: a capacidade de adaptarse ás dificultades procurando sacar o mellor das ensinanzas e aprendendo dos erros do pasado. Neste senso, a resiliencia apunta a todas aquelas accións polas cales a sociedade deberá adaptarse ao cambio climático. Isto implica axustes tanto nos sistemas ecolóxicos coma económicos e tamén sociais coa fin de dar unha resposta á situación climática do planeta e ante os seus posibles impactos tanto no presente coma, especialmente, no futuro.

Nesta liña establécese o concepto de cidade resiliente, que se refire a aquelas estratexias que se prevén levar a cabo de cara a mitigar os efectos do cambio climático. Para iso, promóvese unha planificación específica sobre a infraestrutura verde e tamén accións que procuren reducir a contaminación. Entre as propostas atoparíanse, por exemplo, aquelas dirixidas a previr calquera fenómeno natural extremo -choivas torrenciais ou incendios forestais-.  

Tomando a base da diagnose da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, este concepto aplicaríase no tocante á axeitada recollida de pluviais. Ademais, cómpre engadir outras medidas como estratexias conxuntas de prevención contra as vagas de incendios forestais e contra as inundacións, así como a creación de corredores naturais que permitan á cidade convivir cos eventos naturais ao tempo que se procura establecer espazos de encontro da cidadanía.

Conectividade

Este concepto, moi vencellado ao de cidade compacta, alude á redución das distancias no tocante aos tempos. É dicir, que se tarde pouco tempo en ir a traballar, en realizar un trámite, en ir a facer a compra ou en ir a un parque ou área de lecer. Deste xeito, a conectividade está relacionada tamén con aspectos como a peonalización e o acceso a unha vivenda digna.

Dentro deste eido, cómpre tamén falar sobre a chamada conectividade ecolóxica, que apela a facilitar a preservación da biodiversidade, con accións que non destrúan o hábitat dos seres vivos. Para isto, deberíanse establecer corredores ecolóxicos para facilitar esa preservación das especies.

No que á Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela respecta, esta conectividade poderíase ver beneficiada coa creación dun corredor ecolóxico no que o río Sar actúe de eixo conector entre a cidade e os municipios da área metropolitana. Ademais, contémplase a creación e reforzo de áreas verdes que funcionen como espazos de contención contra os efectos do cambio climático ao tempo que funcionen como espazos de convivencia e creen un modelo territorial sostible.

Sostenibilidade

O Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 11 da Agenda 2030 de Nacións Unidas céntrase nas cidades e comunidades sostibles. Neste senso, pon coma principal fin que as urbes e asentamentos humanos sexan “inclusivos, seguros, resilientes e sostibles”. Con respecto a este último concepto, considérase unha cidade sostible aquela que se achegue á emisión cero carbono. Unha meta pola que hai que traballar fomentando diversas accións como, por exemplo, a integración das enerxías renovables, a redución ao mínimo dos residuos, a reutilización das augas fecais…

En poucas verbas, unha cidade sostible é unha cidade verde, na que os espazos públicos de esparexemento e lecer ocupan un lugar importante e, sobre todo, se atopan próximos ás vivendas de toda a cidadanía. Ademais de promover ese encontro entre as persoas residentes nunha mesma urbe, as especies arbóreas tamén protexen da calor, reteñen a auga da choiva e renovan o osíxeno. Se a isto se engade o concepto de cidade camiñable, o uso da bicicleta e do transporte público de calidade, contribuirase a unha considerable redución na emisión de gases contaminantes.

Para isto, na Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela contémplanse medidas para reforzar o uso do transporte público, a posta en marcha de medidas de adaptación das enerxías renovables e tamén iniciativas para crear unha cidade compacta e cohesionada que optimiza todos os seus recursos. Medidas que se complementan coa planificación dun novo urbanismo sostible no que a rehabilitación de vivendas conte cun papel salientable, ademais de poñer en marcha accións para incrementar e potenciar as zonas verdes existentes na cidade.

Quilómetro 0

Este concepto atópase asociado principalmente coa alimentación. Dun xeito moi intuitivo alude a todos aqueles servizos e produtos que se atopan na contorna máis inmediata. Así, os alimentos quilómetro cero son aqueles proporcionados polas persoas produtoras ou empresas que se atopan nun radio de acción de non máis de 100 quilómetros. Este mesmo concepto aplícase a outro tipo de servizos.

O maior beneficio do Quilómetro 0 é que promove o comercio local, o de proximidade. Un modelo empresarial que, ademais, contribúe á redución de custos en transportes, xa que proveñen de áreas próximas. Deste xeito, vense reducidas as emisións derivadas desta loxística no envío de produtos. Uns produtos, especialmente aqueles que proveñen da agricultura, que promoven unha dieta equilibrada e que aproveita a tempada, evitando prácticas como o uso de fertilizantes ou doutros produtos para estender a súa durabilidade.

Aplicado ao concepto da Axenda Urbana 2030 de Santiago, unha cidade que aposta polo quilómetro 0, faino tamén pola proximidade, polo desenvolvemento da economía local. Ao tempo, achégase unha visión que se pode estender ao conxunto de cidadanía no senso de contar con todos os servizos precisos dun xeito cómodo e sen ter que desprazarse utilizando o vehículo para cubrir as súas necesidades. Un modelo de vida que ademais contribúe á sostibilidade e á loita contra o cambio climático.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará