Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

7-Economía urbana-Cabecera_1-100
7-Economía urbana-Cabecera-movil_1-100
DIAGNOSE PREVIA > Economía Urbana

Economía Urbana

O excesivo peso do sector servizos fronte ao industrial ou ao case inexistente primario e a dependencia de grandes empresas dentro de sectores maduros en Santiago fai preciso botar man da innovación. Para isto, o talento procedente da Universidade resulta chave para diversificar a actividade económica. Ao tempo, aproveitar a situación xeográfica e a condición de capital de Galicia para atraer maior número de empresas. Tamén o crecente interese polos alimentos km 0 pode axudar a promover un sector agrario case inexistente no municipio.

Afondar pois nas políticas de apoio á diversificación da base económica da cidade dando continuidade á liña aberta no marco do Pacto pola Sionlla por proxectos como o Spin Up , Bioincubatech  ou Biotecnia Polo Biotecnolóxico de Galicia será un elemento fundamental para construír un modelo económico máis equilibrado.  A colaboración establecida para este obxectivo entre Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE),a Axencia Galega da Innovación (GAIN),  o Concello de Santiago de Compostela, A Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Área Empresarial do Tambre e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e os clústers de biotecnoloxía BIOGA e da saúde CSG, é un exemplo de colaboración público-privada que se pode aplicar á promoción de outras iniciativas semellantes.

Por outra banda, Santiago salienta por contar cunha marca turística diferenciada, se ben as persoas visitantes soen concentrarse na cidade central. Isto provoca problemas de convivencia con residentes, correndo o perigo da turistificación do destino. Ademais a extensión da tempada alta derivou nun conflito entre as necesidades de aloxamento de estudantes e de visitantes. Neste senso, cómpre aplicar medidas para promover unha axeitada convivencia de ambos aspectos.

É por iso que se pode botar man do territorio ambiental e patrimonialmente interesante da periferia rural de Santiago para levar a cabo estratexias de desconcentración e descentralización do turismo. Do mesmo xeito, e dado o número de cooperativas residenciais existentes poderían servir de panca para implantar novas políticas de vivenda que fagan fronte á conversión de vivendas en aloxamentos turísticos.

7-Economía urbana-Foto 1_1-100

Retos en materia de economía urbana

Integrar o enorme capital humano xerado na Universidade

co tecido empresarial para fomentar a transformación económica impulsando o agromar de novos sectores económicos.

Establecer unha cooperación, coordinación e planificación conxunta

entre Santiago e os concellos da contorna para o desenvolvemento do solo, infraestruturas e a promoción de novas actividades económicas.

Promover a transformación e reforzamento do sector primario

a través da promoción do consumo de alimentos de produción local e explorar novas fórmulas de explotación forestal, que permitan poñer en carga produtiva o territorio de Santiago.

Acadar un equilibrio entre visitantes e residentes

desconxestionando a cidade mediante a descentralización do aloxamento turístico á periferia municipal.

Desenvolver unha política pública de vivenda,

que se podería apoiar nas cooperativas de vivenda, que garanta o uso residencial nos espazos centrais da cidade, evitando os procesos de desprazamento da poboación.