Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Cabecera GIS 3-100
Cabecera GIS3-Movil-100
FASE PROPOSITIVA \ GIS 3

GIS Mobilidade e Territorio

A reunión do Grupo de Impulso e Seguimento de Mobilidade e Territorio (GIS 3) contou coa asistencia dunha quincena de persoas, que falaron sobre a cidade compacta, cohesionada e conectada. Estas representaban ás seguintes institucións e entidades: COGAMI; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; o Consorcio de Santiago de Compostela; Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia; empresa pública de Transporte Urbano de Santiago (TUSSA);  integrantes do goberno local do Concello de Santiago; os grupos locais do BNG, Compostela Aberta e Partido Popular; Sindicato Comisións Obreiras; a Universidade de Santiago de Compostela; persoal municipal das áreas de obras e promoción económica, e a dirección executiva do proxecto, María Cadaval e Santiago Lago.

Tras a explicación sobre o proceso de construción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, enmarcada no proxecto da Agenda Urbana Española, abriuse o espazo para partillar diversas propostas, tomando a diagnose como documento de partida. Un dos puntos comúns pasou pola necesidade de acadar unha cidade compacta, cohesionada, conectada e accesible, que só se pode conseguir creando contornas urbanas de calidade, con densidades axeitadas e a proximidade necesaria de bens e servizos demandados pola cidadanía.

Foto 1 GIS 3-100

Tendo en conta os numerosos desprazamentos diarios a Santiago, especialmente desde a contorna, resulta fundamental abordar a mobilidade desde diferentes perspectivas. Neste senso, as persoas asistentes ao encontro do GIS 3 puxeron de manifesto cuestións como o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PEMUS); a conexión da cidade co territorio rural e os modelos de transporte a demanda nestas zonas; as características e frecuencias do transporte urbano; a intermodalidade; as necesidades das persoas con diversidade funcional; os aparcamentos en superficie e os disuasorios; a mobilidade peonil, ou uso da bicicleta.

Uns retos que se deben afrontar dende un urbanismo responsable e corresponsable e cunha necesaria visión supramunicipal. A isto compre engadir, tal e como se salientou nesta reunión, a existencia dun servizo de transporte ben concibido, equipamentos intelixentes e espazos públicos de calidade onde a xente viva e conviva, barrios mellorados e uso de recursos optimizados.