Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Máis de 200 persoas realizaron as súas achegas á Axenda Urbana 2030 de Santiago durante a Maker Faire Galicia

AxendaUrbana2030MakerFaireGaliciaWeb

Máis de 200 persoas achegáronse durante a fin de semana ao espazo que a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela tivo na Maker Faire Galicia, celebrada na Cidade da Cultura. Dende a organización amosan a súa “satisfacción porque a participación foi moi positiva, tanto por parte das crianzas como das persoas adultas”.

Redeseñando Compostela

A proposta Redeseñando Compostela converteuse “no lugar onde compartir as preocupacións da cidadanía, así como os seus principais desexos para o Santiago do futuro”. Para iso, a través dunhas nubes de ideas e da reinterpretación de edificios da cidade dun xeito creativo, as persoas participantes plasmaron como lles gustaría que fose o municipio no 2030. Ao tempo, ofreceuse a oportunidade de cumprimentar o formulario de participación en liña.

Entre as principais propostas realizadas polo público salientan as seguintes: vivenda accesible; parques cubertos e alternativas de lecer para crianzas e mocidade -desde rocódromos ou casas nas árbores ata un parque acuático-; creación de carrís bici; mellora da mobilidade sostible; máis prazas de aparcamento a carón do hospital; control ao sector turístico -regulación dos pisos turísticos e terrazas-, ou reforzo na difusión das actividades e propostas de lecer municipais. Unhas achegas que se foron plasmando ao longo das dúas xornadas e que tamén servirán para enriquecer o traballo que se está a facer desde a dirección técnica da Axenda Urbana e que se materializará nun documento estratéxico.

Actividades estivais

Por outra banda, e para favorecer a participación, as propostas da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela achegaranse á poboación máis nova durante o presente mes e o vindeiro de xullo. “Dentro dos campamentos de verán municipais desenvolveremos unha actividade de economía circular onde as crianzas poderán deseñar unha microcidade con materiais de refugallo. Tamén desenvolveremos propostas nas que as nenas e nenos poderán deseñar unha escola sostible. E como complemento, estamos a pór en marcha un certame literario e outro artístico”, explican desde a organización.

Xa para achegar a Axenda Urbana ao maior número de persoas posible, desenvolveranse propostas nos principais centros socioculturais do municipio. Estas pretenderán, a través da arte, poñer de manifesto aquelas cousas que a poboación quere cambiar da cidade e aqueles aspectos ou servizos que desexan que teña o Santiago do futuro. Unhas achegas que contarán cun espazo onde visibilizalas unha vez finalizadas estas actividades.

Participación cidadá, imprescindible

Desde a dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela inciden na importancia da participación. “Só deste xeito poderemos elaborar un documento estratéxico de consenso e que realmente resposte ás necesidades da cidadanía”, conclúe. Para realizar unha achega, só hai que utilizar o formulario de participación en liña aínda que tamén se poden remitir propostas a través do e-mail axendaurbana2030compostela@gmail.com.

Paralelamente, a poboación pode estar ao tanto das distintas propostas desenvolvidas a través dos diversos perfís da Axenda Urbana nas principais redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter e LinkedIn). Unhas canles que tamén procuran a interacción coa cidadanía dun xeito máis directo.

ODS 11

A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará