Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Cabecera GIS 5-100
Cabecera GIS5-Movil-100
FASE PROPOSITIVA \ GIS 5

GIS Educación, Patrimonio e Arte

A reunión do Grupo de Impulso e Seguimento de Educación, Patrimonio e Arte (GIS 5) congregou a un total de 16 representantes de diversas institucións e entidades, que partillaron sobre a súa conservación, dinamización e posta en valor. Entre elas, atopábanse o AGADIC; a Asociación Antiguos Tunos Compostelanos; a Confederación de Empresarios de Galicia; o Consorcio de Santiago; Cruz Vermella; Fundación Catedral de Santiago; Grupo GAME da Universidade de Santiago de Compostela; integrantes do goberno do Concello de Santiago; grupos locais do BNG, Compostela Aberta e Partido Popular; Museo do Pobo Galego; o sindicato Comisións Obreiras; o Vicerreitorado de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, así como persoal municipal da área de promoción económica, e a dirección executiva do proxecto,  con María Cadaval e Santiago Lago á fronte.

A primeira parte do encontro centrouse na explicación sobre o proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, enmarcada no proxecto da Agenda Urbana Española. Seguidamente, deuse paso ás intervencións de participantes para realizaren as súas aportacións co fin de elaborar un documento de síntese sobre esta temática.

Todas as persoas asistentes coincidiron á hora de posicionar a educación como base do desenvolvemento da sociedade, que se deberá adaptar aos movementos e realidades demográficas da cidade e do contexto global. Así, puxéronse de manifesto no debate cuestións como o mapa escolar, o modelo de comedores escolares, os plans de conciliación, os centros de formación profesional, conservatorios e outros espazos de ensino, a retención do talento da USC e a relación da comunidade universitaria coa cidade.

No tocante ás outras dúas temáticas que dan nome ao GIS 5, salientouse a importancia de que Santiago poña en valor e dinamice o seu rico patrimonio. Así, falouse sobre a posibilidade de abrir ao público o patrimonio hoxe pechado, o mantemento das iniciativas culturais e de explotación do patrimonio, o modelo de promoción e xestión cultural da cidade e a rede de axentes culturais do territorio, así como da participación do estudantado na vida cultural da cidade e a importancia do Camiño como elemento de conexión e espazo para compartir coñecemento.

Foto 2 GIS 5-100