Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Cabecera GIS 4-100
Cabecera GIS4-Movil-100
FASE PROPOSITIVA \ GIS 4

GIS Cohesión Social

A cuarta das reunións centrouse no Grupo de Impulso e Seguimento de Cohesión Social (GIS 4). A este encontro asistiron arredor dunha quincena de persoas, representando ás seguintes institucións e colectivos: Cruz Vermella; Fundación Secretariado Xitano; Grupo GAME da Universidade de Santiago de Compostela; os grupos locais do BNG, Compostela Aberta e Partido Popular; Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; sindicato Comisións Obreiras;, ademais de persoal municipal das áreas de servizos sociais, igualdade e promoción económica, e a directora executiva, María Cadaval.

Foi esta quen se encargou de explicar brevemente o proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, enmarcada no proxecto da Agenda Urbana Española. A continuación, e co documento da diagnose como base, iniciouse o proceso de aportación de achegas centradas nas temáticas de inclusión, equidade e xustiza social. As persoas asistentes marcaron como prioridade a integración urbano-rural do municipio á hora de planificar a cidade do futuro baseada nestas tres máximas.

Foto 1 GIS 4-100

Para iso, cómpre ter en conta as necesidades de apoio aos colectivos máis vulnerables, ás persoas migrantes, sen fogar e soas, así como a educación contra a LGTBIfobia e a transfobia e con perspectiva de xénero e interxeracional. Uns aspectos que se deben garantir a través do reforzo das políticas sociais, coa optimización dos recursos sociosanitarios dispoñibles, a corresponsabilidade e a conciliación ou a saúde mental da poboación.

Por outra banda, salientouse a importancia de recuperar o sentimento identitario, algo que debe pasar por un reforzo colectivo e inclusivo, no que a política económica, social e educativa vaian da man, na procura dunha igualdade real entre todas as persoas. Neste senso, falouse sobre as posibilidades de retorno das persoas egresadas da USC que non traballan no territorio; a xeración de emprego para a mocidade; a silver economy; as tarxetas moedeiro; a simplificación das licenzas produtivas para o rural; o problema do acceso á vivenda e a convivencia coas vivendas turísticas. Ademais, deberanse salvar as dificultades da trama urbana para a integración social dos barrios e a adaptación dos espazos públicos para que sexan seguros e accesibles.

Foto 2 GIS 4-100