Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Como podes facer a túa achega para a Axenda Urbana 2030 de Santiago?

ParticipaFormularioAxendaUrbanaSantiago

Es unha persoa implicada co futuro da túa cidade? Gustaríache aportar a túa visión? Precisamos da túa axuda para deseñar o Santiago do futuro! Nesta entrada dámosche conta do proceso de colaboración cidadá que vimos de abrir dentro desta Fase Propositiva da Axenda Urbana 2030.

Velaquí están os pasos que debes seguir para poder cubrir o formulario de participación que están pendurado na nosa web. Sigue lendo e comprobarás que é do máis sinxelo.

Como acceder ao formulario?

Para iniciar a túa achega, só tes que ir á sección “Participa” da nosa web ou premer nalgún dos botóns que verás na páxina principal con esta mesma mensaxe. Unha vez que chegas a esta sección, ofrecémosche unha breve introdución sobre o que é a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, que se atopa encadrada no proxecto das Axendas Urbanas Española e Europea.

Así mesmo, detállanse as seis temáticas sobre as que se farán as preguntas que resultan chave para elaborar o documento estratéxico final. Estas coinciden cos diferentes Grupos de Impulso e Seguimento (GIS) creados pola dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela.

Información básica

A primeira sección solicítache unha serie de datos demográficos, necesarios para o posterior tratamento estatístico da información aportada. Neste caso, deberás cumprimentar a localidade na que resides, sexo, franxa de idade, nivel de estudos e se vives na capital galega ou non.

Ademais, se tes interese en seguir de preto a fase propositiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, ofrecémosche a posibilidade de facilitar o teu enderezo electrónico. Así, recibirás todas as novidades relativas a este procedemento chave para a creación da folla de ruta que marcará a cidade da vindeira década.

Seis temáticas

Unha vez completada esta primeira parte do formulario, pasarás á parte de aportacións. Como comprobarás, o cuestionario divídese en seis bloques, correspondentes a cada un dos GIS. Podes escoller un, varios ou todos para realizar as túas achegas, aínda que non é obrigatorio. Do que se trata é de que poidamos contar coa túa visión sobre aqueles temas que che preocupen ou que consideras que se deben mellorar de cara a acadar ese Santiago do 2030 no que che gustaría vivir.

A continuación, detállanse as diferentes temáticas vencelladas aos seis bloques do formulario de participación:

  • Economía: base económica, modelo produtivo, economía circular e innovación
  • Dimensión cidadá: benestar, saúde e cidadanía
  • Mobilidade e territorio: cidade compacta, cohesionada e conectada
  • Cohesión social: inclusión, equidade e xustiza social
  • Educación, Patrimonio e Arte: conservación, dinamización e posta en valor
  • Sustentabilidade e transición verde

Fai a túa achega

Para acceder ao formulario ou formularios do teu interese, só tes que premer sobre o título correspondente -distinguíndose as temáticas por cores- e aparecerán entre 10 e 11 preguntas. Algunhas, de carácter moi concreto, só precisarán que respondas si ou non, mentres que outras precisan algunha aportación máis concreta pola túa parte.

Neste caso, o único límite será o que ti te marques. Canto máis nos aportes, máis datos teremos para confeccionar o Santiago do futuro que queres.

Lembra que toda a información que nos aportes será tratada de xeito confidencial e para as fins que esta fase propositiva require. Podes expresarte con total liberdade.

O obxectivo final é obter un documento estratéxico que se axuste ás necesidades da cidadanía e que vaia en consonancia coas directrices marcadas polas Axendas Urbana Española e Europea, de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará