Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

A Axenda Urbana 2030 de Santiago avanza na materialización do proxecto cunha nova rolda de encontros cos GIS e coa cidadanía

SegundasReunionsGISAxendaUrbana2030Santiago

A Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela vén de finalizar unha segunda rolda de reunións cos GIS coa fin de seguir poñendo en común aqueles proxectos de interese para a cidade do futuro. Ademais, desenvolvéronse tamén encontros con outras entidades coma asociacións veciñais ou o Ateneo de Santiago. Desde a dirección técnica amosan a súa satisfacción pola cantidade de achegas recibidas e pola participación dos diferentes colectivos nestes encontros, xa que contribuirán á construción desta folla ruta fundamental para construír o Santiago do futuro.

Foron arredor dun cento de persoas as participantes nestas novas sesións que se animaron a partillar a súa visión sobre as principais necesidades do Santiago do 2030. Unha asistencia que se complementou coa xornada desenvolvida en Afundación e na que María Cadaval e Santiago Lago, co-directores do proxecto, tiveron a oportunidade de coñecer valiosas propostas de acción para executar no municipio, en liña cos obxectivos e eixos da Axenda Urbana 2030 de España e de Europa.

Preocupacións comúns

Neste senso, entre os temas que suscitan maior preocupación atópanse cuestións como:

  • A vivenda accesible e de calidade
  • A mobilidade e as conexións cos municipios da contorna e co aeroporto
  • A dotación de servizos acorde aos tempos no casco histórico
  • A firme aposta polo comercio local favorecendo a súa proxección
  • Medidas de eficiencia enerxética
  • A xestión do ciclo dos residuos na cidade

Por outra banda, e tendo en conta os retos e iniciativas presentadas no propio documento de diagnose, enténdese fundamental a procura de oportunidades económicas e medioambientais a través de espazos como os territorios arredor dos ríos que cruzan o municipio. A posta en valor da investigación e a potenciación do talento da USC conforman tamén parte deses obxectivos comúns a cumprir para unha Compostela que no 2030 favoreza un tecido económico diverso e plural, no que a innovación sexa unha das principais bases.

Maior sentimento identitario

Outra das eivas a cubrir por parte deste documento estratéxico pasa por estender ese sentimento identitario e de apego da poboación para coa cidade. E unha das chaves neste aspecto pode ser a posta en marcha dun modelo de turismo que promova a convivencia entre as persoas residentes e as visitantes. Neste senso, as persoas participantes nas distintas reunións tamén apelaron a un turismo sustentable, que tamén sexa respectuoso coa poboación do propio concello.

Máis atención a colectivos desfavorecidos

Habida conta do progresivo envellecemento da poboación, outra das propostas que se puxeron sobre a mesa suxire a creación de novas residencias para maiores. E coa fin de non afastar ás persoas usuarias da súa contorna, falouse da posibilidade de aproveitar edificacións do casco histórico para desenvolver proxectos deste tipo.

Ao mesmo tempo, e sendo conscientes das desigualdades existentes na actualidade, suxeriuse poñer especial atención naqueles colectivos máis desfavorecidos. Neste senso, falouse sobre a posta en marcha de medidas sociais paliativas para estes grupos desde o punto de vista laboral, residencial, social e de saúde.

Aberta á participación cidadá

As opinións da cidadanía seguiranse compilando nos meses de verán a través do formulario de participación dispoñible nesta mesma web. De xeito complementario, e como xa se iniciara a través da Maker Faire Galicia, a Axenda Urbana seguirase achegando ás persoas de todo o municipio. Para iso, estanse a desenvolver propostas de participación de carácter lúdico tanto entre crianzas como entre a poboación xeral, con actividades nos centros escolares, nos campamentos de verán e tamén nos Centros Socioculturais do concello.

Un completo programa de accións que teñen como obxectivo implicar a todas as persoas do municipio. Só a través da posta en común de proxectos de interese poderase acadar o Santiago do futuro que queres. A que agardas para participar? A Compostela do 2030 conta contigo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará