Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Portada » Actualidade » Preto dun cento de persoas participaron nas reunións dos Grupos de Impulso e Seguimento da Axenda Urbana 2030 de Santiago

Preto dun cento de persoas participaron nas reunións dos Grupos de Impulso e Seguimento da Axenda Urbana 2030 de Santiago

ReunionsGISAxendaUrbana2030Santiago

Preto dun cento de persoas participaron nas primeiras reunións dos Grupos de Impulso e Seguimento (GIS) organizados pola dirección técnica da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Coordinados por María Cadaval e Santiago Lago, os devanditos encontros desenvolvéronse durante o pasado mes de marzo na sé do Consello Económico e Social.

Agora só quedas ti. Cada persoa, cada achega resulta fundamental para crear con toda a cidadanía o Santiago do futuro. Ábrese, pois, unha fase crucial para acadar un documento estratéxico de referencia que sexa acaído para todas as persoas e que cumpra, ao tempo, coas directrices marcadas pola Agenda Urbana Española, baseada, ademais, na Axenda Urbana das Nacións Unidas.

Representantes de todos os eidos

Cada unha das sesións dos Grupos de Impulso e Seguimento contaron cunha primeira parte na que se explicou o proceso de construción dunha Axenda Urbana enmarcado no proxecto da Agenda Urbana Española. Para achegar as principais ideas sobre cada temática, tomouse como referencia a diagnose elaborada con carácter previo para despois abrir unha quenda de intervencións.

Estes encontros atraeron a representantes de todos os eidos que realizaron as súas aportacións ao proxecto. Desas achegas, a dirección técnica da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela elaborou un documento de síntese de cada un dos seis GIS coa fin de establecer aquelas cuestións chave sobre as que construír o formulario.

Temáticas a tratar

O primeiro dos encontros centrouse no GIS 1, que tratou temáticas relativas á base económica, ao modelo produtivo, á economía circular e á innovación. No caso do GIS 2, debateuse sobre benestar, saúde e cidadanía, mentres que na terceira sesión (GIS 3) se centraron na cidade compacta, cohesionada e conectada.

O GIS 4 recibiu as achegas en materia de inclusión, equidade e xustiza social, e o GIS 5 fixo o propio coa conservación, dinamización e posta en valor do patrimonio e a arte, ademais de coa educación. Finalizaron as sesións co GIS 6, no que as persoas asistentes partillaron sobre sustentabilidade e transición verde.

Formulario de participación

Grazas ás distintas aportacións dos axentes implicados no desenvolvemento da cidade, a dirección técnica da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela foi quen de elaborar un completo formulario. Este será a base para que a poboación poida realizar as súas achegas a este importante documento estratéxico, chave para acadar unha cidade sostible, inclusiva, segura e resiliente.

Todas as persoas interesadas en participar poden facelo a través da nosa web, no espazo Participa. Cantas máis realicen as súas achegas, máis acaída será a folla de ruta que se deberá establecer para sentar as bases do Santiago do futuro. Tanto se resides en Santiago como se traballas aquí ou tes interese en aportar a túa visión, este formulario interésache. A túa opinión é chave para este proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *