Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Portada » Actualidade » Entréganse os Premios á Excelencia Empresarial, que recoñecen as boas prácticas de cinco negocios de Compostela

Entréganse os Premios á Excelencia Empresarial, que recoñecen as boas prácticas de cinco negocios de Compostela

Premios a la Excelencia Empresarial

O martes 29 de novembro entregáronse os Premios á Excelencia Empresarial, un galardón posto en marcha no marco do programa municipal Compostela Móvese, dentro das actividades codeseñadas no ámbito do Consello Económico Social de Santiago, para recoñecer ás empresas destacadas polas súas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, a economía circular, a innovación, a comercialización en produtos e servizos culturais e a economía social.

A iniciativa busca recoñecer o traballo das entidades que, polo seu compromiso á hora de aplicar estas boas prácticas, poidan servir de espello para que outros negocios do tecido empresarial de Santiago tamén se sumen a poñelas en marcha no futuro.

O xurado dos premios estivo composto polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sanchez Bugallo, actuando como presidente; Melchor Fernández Fernández en representación do Comité Técnico Asesor do Consello Económico e Social de Compostela; María Cadaval Sampedro en representación, como a súa codirectora, da dirección executiva da Axenda Urbana 2030; Rosa Mary Cardeso Trillo en representación do Consello Económico e Social de Santiago; e Carme Casado Casado en resentación do Departamento de Desenvolvemento Local do Concello.

Estas foron as empresas recoñecidas nesta primeira edición dos premios:

  • Premio Boas prácticas en materia de conciliación á empresa INFORHOUSE SL.

Inforhouse constituíuse no ano 1989 en Lalín (Pontevedra). A finais dos 90, a sede trasladouse a Santiago de Compostela e dende entón o non parou de medrar, contando con preto de 80 traballadores na actualidade. A súa actividade céntrase en solucións de infraestrutura, software de xestión e servizos, con clientes localizados en todo o territorio nacional e Norte de Portugal, sendo Galicia o mercado principal.

A misión da empresa é ofrecer solucións integrais TI, de valor, aos seus clientes, sendo o seu provedor tecnolóxico global e, todo isto, gardando principios e normas de conducta.

Algunhas das medidas aplicadas actualmente pola empresa no ámbito da calidade no emprego, a igualdade de oportunidades, flexibilidade espazo temporal e o apoio á familia, que a fixeron destacar para a concesión deste galardón, foron a redución de xornada, a flexibilidade horaria, a disposición dunha sala de lactación, o recoñecemento de eventos familiares ou a organización de actividades dirixidas ás familias, entre moitas outras.

  • Premio Boas prácticas en materia de economía circular e Premio Boas prácticas de empresas de economía social á empresa COMUNIDADE CREATIVA SOC COOP GALEGA

Creativas Galegas é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro que nace a finais de 2019, da man de tres artesás creativas, do eido cultural galego, que xa tiñan as súas propias marcas no mercado. A empresa nace para tratar de dar solución ás dificultades que atopan as empresas do sector para sobrevivir no mercado polo feito de ser un proxecto pequeno, dando a posibilidade de ter un espazo físico no que compartir custos, sinerxías, provedores e experiencias. A idea é manter a imaxe de marca de cada empresa, pero actuando como unha única entidade, converténdose nun referente para profesionais do ámbito cultural galego.

En materia de economía circular destacan, entre outros aspectos, pola súa filosofía de traballo, pola RSE que aplican todas as súas marcas como colectivo, pola innovación no modelo de negocio colaborativo e por ofrecer unha comunicación transparente tanto a clientes como as persoas que forman parte do colectivo. No referido á economía social o seu éxito radica en perseguir bens de interese común e traballar en equipo, de forma solidaria e altruísta, entre outros.

  • Premio Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio  á empresa MESTRELAB RESEARCH,S.L

Mestrelab Research S.L. é unha empresa nada como spin off da USC e con sede en Santiago de Compostela, dedicada ao desenvolvemento de software de procesado e análise de datos de laboratorio, particularmente procedentes de instrumentos de Resonancia Magnética Nuclear (RMN), de Espectrometría de Masas acoplada a Cromatografía Líquida ou de Gases (LC/GC/MS), e de espectroscopía óptica (infravermellos, ultravioleta, Raman, etc), así como ao desenvolvemento de algoritmos quimioinformáticos, tanto en plataformas de escritorio, móbiles ou servizos na nube.

Actualmente é a segunda empresa líder mundial en software de tratamento de datos de RMN, con clientes nos cinco continentes dun total de máis de 70 países. No sector académico, a empresa dispón de licenzas campus nas universidades máis prestixiosas a nivel mundial.

No referente ao galardón outorgado, Mestrelab destacou por ter acadado numerosos fitos a nivel internacional, así como publicacións en revistas científicas, apertura de oficinas exteriores e  participación en numerosos proxectos internacionais, entre outros.

  • Premio Boas prácticas en innovación en comercialización de produtos e servizos culturais á empresa GONZALO MATA GARCIA (Q.E.D. Estudios de Herencia Cultural)

Q.E.D. Estudios de Herencia Cultural xurde para contribuír ao estudo, análise, diagnóstico e difusión da herdanza cultural, tanto dende una perspectiva teórica como práctica, para a súa seguridade, supervivencia e coñecemento.

O proxecto é creado por Gonzalo Mata García despois de anos de docencia e investigación no eido das humanidades, para proporcionar no eido cultural un servizo innovador, de calidade e ao día en técnicas diagnósticas.

No referido ás medidas de implantación de comercialización de produtos e servizos culturais, a pesar da súa recente creación, en setembro de 2022, destaca por ser un proxecto innovador por aportar unha visión interdisciplinaria que permite levar a cabo análises e reflexións profundas a nivel de cidades ou itinerarios, entre outros, engadindo o coñecemento de análise e diagnóstico técnico que permite achegarse ao particular e traballar con obras de arte concretas, sen esquecer a disposición ao traballo colaborativo.

  • Premio Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030 á empresa INFORMÁTICA Y NETWORKING COMPOSTELA, SLU

Infonet é unha empresa galega de servizos e solucións tecnolóxicas, especializada en sistemas, ciber seguridade, virtualización e arquitectura na nube, aberta ao mercado internacional e coa sede en Santiago de Compostela. O proxecto nace no 1995 nunha habitación de estudante e froito da paixón pola tecnoloxía, pero non é ata 2001 cando se constitúe como empresa.

Tras dez anos de traxectoria e o recoñecemento da Asociación de empresas Galegas dedicadas a Internet e as novas tecnoloxías, a empresa foi madurando, medrando, mudando o seu modelo de negocio converténdose nunha empresa de servizos tecnolóxicos baseada no coñecemento e orientada ao B2B. A empresa xoga tamén un papel importante coa chegada da COVID, e acompaña aos seus clientes para implantar o teletraballo, creando incluso unha unidade de I+D+i para desenvolvemento de produtos cloud.

En materia de axenda urbana, algunhas das numerosas medidas postas en marcha por Infonet foron o impulso da dixitalización, a xeración de negocio e a creación de emprego no ámbito local ou o deseño de produtos green tech.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *