A dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago (AUS 2030), con María Cadaval e Santiago Lago á fronte, presentaron onte na reunión dos seis GIS (Grupos de Impulso e Seguimento) os resultados dunha enquisa realizada á cidadanía sobre este documento estratéxico. O encontro desenvolveuse na sé do Consello Económico Social participou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, así como representantes doutros grupos políticos municipais e diversos axentes sociais implicados no desenvolvemento deste proxecto.
A reunión serviu para revisar as actuacións previstas, actualizar a orde de prioridades e realizar o control da execución das accións deseñadas a través dunha serie de indicadores creados a tal efecto. Para a devandita priorización e a toma de decisións en grupo, a dirección executiva compartiu os resultados dunha enquisa cidadá sobre a Axenda Urbana 2030 de Santiago. Esta foi realizada en febreiro a 600 persoas -271 homes e 329 mulleres- maiores de idade e residentes en distintos puntos do municipio -zona vella, Ensanche, áreas urbanas e rurais-.
Principais problemáticas da cidade
O funcionamento dos servizos e infraestruturas públicas posiciónase como principal problema da cidade (43,8% das persoas enquisadas), seguido por los problemas de índole económica (25,2%) e polas alternativas de mobilidade (24%). O cambio climático (11,7%); a calidade de vida e o benestar das persoas (10,7%), e a vivenda (10,7%), atópanse nos postos cuarto, quinto e sexto. Pechan este top ten o modelo produtivo da cidade (8,2%); o turismo (5,2%); o problemas de índole social (4,7%), e o patrimonio, a educación, cultura e a arte (3%).
A través dunha listaxe de preguntas concretas realizadas á cidadanía, ofrécese unha clara visión sobre as iniciativas que se deben desenvolver de xeito prioritario. E así se fixo saber na reunión dos GIS de onte. Por exemplo, no tocante ás oportunidades de crecemento a través da diversificación económica, un 42,5% dos suxeitos enquisados puxeron de manifesto a necesidade de contar con programas de compra e rehabilitación de baixos e vivendas baleiras en zonas sensibles da cidade, mentres que un 25,8% ve precisa a atracción de proxectos industriais, e un 10,3%, a posta ao dispor de espazo físico para a actividade económica. Entre os sectores de futuro, atópanse o turismo (29,4%); a biotecnoloxía (26%); a economía circular -desenvolvemento sostible e reciclaxe- (20,7%), e o cultural (12,9%).
Sector turístico de Santiago
Dentro do propio sector do turismo, o equilibrio entre as vivendas vacacionais e a vida das persoas na zona vella é unha das problemáticas urxentes a resolver para o 56,3% das persoas enquisadas. A esta preocupación séguelle a desconcentración do turismo do centro histórico e amplialo a toda a cidade (17,4%), e o redeseño de circuítos culutrais en busca dun turismo máis especializado (14,3%).
Dada a importancia do sector, o 38,9% das persoas enquisadas considera que se debería implantar unha taxa turística en Santiago coa fin de axudar a afrontar os custos de mantemento da cidade. Pola súa banda, un 24,4% cre que non se debería aplicar, xa que iría en detrimento do turismo de Santiago.
Infraestruturas pendentes
No tocante ás infraestruturas pendentes, o 43% das persoas participantes nesta enquisa apunta á dotación dun servizo de transporte público eficiente, sostible e que aproveite as novas tecnoloxías. Unha liña parecida ao 21,8%, que alude á potenciación da intermodalidade no transporte combinado de tren, autobús, bicicleta… O 12,4% fala da importancia de habilitar paneis de información en tempo real sobre a situación dos autobuses, mentres que o 10,6% bota en falta máis carrís específicos para bicicletas, patíns, etc.
Para mellorar o desenvolvemento e a conexión entre a área urbana e rural, o 39,4% da mostra da enquisa apuntou a importancia da dotación de servizos básicos (saneamento, abastecemento, transporte e fibra). Tamén se indica que resulta de interese promover o comercio e alimentación de proximidade (un 16,6%), así como a recuperación de terras abandonadas e mellora da paisaxe e a revitalización do sector primario mediante a promoción de produtos de calidade e sostibles (ambas as dúas cun 10,1%).
A participación de toda a sociedade no desenvolvemento dun modelo sostible con dimensión comarcal resulta fundamental para o 35,4% das persoas enquisadas como acción prioritaria no eido das 4R (reducir, reutilizar, reciclar e recuperar). Tamén se salienta a importancia de levar a cabo accións de fomento da reciclaxe e reutilización (34%), ademais da redución na xeración de residuos (25,4%).
Vivenda e traballo para a mocidade
Dentro das claves de Dimensión Cidadá, ponse de especial manifesto as eivas existentes no tocante á xestión da vivenda. Neste senso, o 43,4% da mostra considera que se debe desenvolver unha política de vivenda pública, mentres que o 24,6% pensa que se deben controlar e limitar os pisos turísticos, así como levar a cabo un programa de dinamización de vivendas baleiras.
Os principais problemas de acceso á vivenda pasan por prezos moi elevados, tanto para alugar como para comprar, de acordo co 72,5% das persoas enquisadas. Neste senso, o 31,5% considera que a vivenda non é accesible, en ningún caso, mentres que o 21,6% indica que non o é para xente nova e un 20,9% cree que se limita á cidadanía de rendas medias e altas.
Como solucións a estes problemas, propóñense promover vivendas públicas (27,5%); regular ou limitar os pisos turísticos (19,2%); construír máis vivendas (15,9%) ou ofrecer máis axudas e subvencións para compra ou alugueiro (12,1%). E para modernizar o parque de vivendas considérase acaído levar a cabo un programa específico para familias máis vulnerables (38,9%); a adaptación de vivendas para facelas máis accesibles (31,5%), así como un programa de rehabilitación enerxética (16,1%).
Ademais do problema do acceso á vivenda, saliéntase que a mocidade non conta con oportunidades de futuro, polo que ten que marchar de Santiago (38,3%). Do mesmo xeito, o 13,9% cre que só hai oportunidades de traballo para os niveis máis baixos de cualificación. Unha perspectiva que segue a liña do 22,5% da mostra que considera que o emprego que hai non é de alta calidade. Pola súa banda, un 9,4% considera que só hai oportunidades laborais para os niveis máis altos de cualificación.
A problemática de tráfico no Hospital Clínico
Unha das principais problemáticas que se debe solventar con urxencia é a regulación do tráfico e aparcamento no Hospital Clínico, que preocupa ao 90,1% das persoas enquisadas. Como solución, apúntase a posibilidade de ampliar a zona de aparcamento (74,7%), ademais de distinguir claramente as zonas de tránsito e aparcamento (6,4%).
Por outra banda, no que atinxe ao transporte metropolitano, o 35,9% da poboación enquisada considera urxente implantar o servizo de transporte a demanda para o núcleo rural. Como segunda acción, reforzar as plataformas de mobilidade intermodal (16,9%) e como seguintes pasos, habilitar vías prioritarias na cidade para o transporte público (13,2%), así como conectar de xeito áxil e frecuente a cidade co Polígono do Tambre (12%) e dar prioridade á conexión co aeroporto (11,1%).
Ao tempo, considérase prioritario reforzar os medios de transporte colectivo (52,6%) para contribuír á redución de emisións. Un 29,4% da poboación enquisada cre urxente ampliar os carrís-bici e sendas peonís para contribuír á transición verde da Compostela do futuro.
Atención a colectivos vulnerables
Na procura da inclusión, equidade e xustiza, a enquisa revelou que o máis importante para as persoas maiores á hora de deseñar estratexias é que se escoiten e recollan as propostas deste colectivo (un 42,7% da mostra). Tamén se deberán ter en conta a eliminación de barreiras arquitectonicas (15%); o fomento e dotación de novas infraestruturas e espazos para cubrir as súas necesidades (15%) e promover actividades na procura do benestar individual e social (13%).
O 44,4% das persoas enquisadas considera fundamental que no futuro se ofrezan servizos de atención persoal e personalizada, mentres que o 30,7% considera importante a extensión dos centros de día. En menor medida, atópase a necesidade de ofrecer servizos de proximidade baseados nas novas tecnoloxías (10,9%) e cambios nos fogares para instrodución de tecnoloxía automatizada (8,9%).
Por outra banda e para alentar a conexión entre xeneracións, a poboación enquisada considera acaído integrar os espazos de convivencia nos espazos públicos (27,6%), ademais de promover políticas socioculturais para persoas de todas as idades (25,6%) e a implementación de programas de voluntariado xuvenil (23,5%) e de voluntariado sénior para axudar á xente nova (13,7%).
No caso da poboación máis nova, demándase a posta en marcha de servizos de atención á saúde física e mental (44%). Tamén teñen importancia aspectos como repensar a oferta educativa (17,1%) e a creación de centros de día para a mocidade para axudar a mellorar a conciliación (16,7%). Finalmente, considérase importante redeseñar a atención a menores (7,5%) e a oferta deportiva (4,8%).
As demandas do colectivo de mulleres céntranse en aspectos como programas reais de conciliación (26,6%); a aposta contra a violencia de xénero (25,6%); combater a fenda salarial (19,5%) e a mellora dos servizos públicos.
Como medidas para atallar a pobreza, considérase fundamental que o Concello se dote dunha política integral que contemple accións educativas, sociais e de vivenda (36,5%). A poboación enquisada considera importante que se realice un tratamento especial á pobreza feminina en fogares monoparentais e colectivos vulnerables ( 26,3%). En menor medida, apóiase a implementación de programas de integración e desenvolvemento intercultural (14,7%) e a atención de xeito prioritario ás necesidades enerxéticas (12,3%).
Reforzar a oferta cultural e velar polo patrimonio
No eido ca educación, arte e cultura, a enquisa pon de manifesto a importancia de que se deseñe unha programación cultural en Santiago con eventos máis atraíntes ao longo de todo o ano (54,3%), ademais de realizar unha boa comunicación da oferta cultural (19,5%) e ofrecer unha perspectiva máis interxeneracional e integradora na oferta (15%).
Neste senso, considérase prioritario que no eido da xestión e produción cultural se fomente a conexión Concello-Universidade-Empresa (44,7%). Pola súa banda, o 25,9% das persoas enquisadas consideran que se deben reacondicionar e aproveitar as instalacións existentes para empresas de xestión cultural, mentres que o 22,2% ve máis importante dedicar máis financiamento a impulsar o sector cultural.
Entre as disciplinas culturais que, a xuízo da poboación enquisada, se deben impulsar atópanse tanto o teatro (37,5%) coma a música (32,8%). Ademais, considérase que para impulsar a oferta de museos na cidade se debería pór en marcha un bono para varios espazos deste tipo (39,9%), ao tempo que se debe mellorar o mantenemento dos xa existentes (37,5%).
Sobre o mapa de centros de ensinanza en Santiago, o 33,8% da poboación enquisada coincide en que precisa unha actualización para encaixar mellor a oferta coa demanda, mentres que o 25,6% considera que se debe realizar un cambio máis profundo. Pola súa banda, un 28,7% cre que é esencialmente correcto.
Prioridades no ciclo da auga e redución de emisións
No tocante ao ciclo da auga, o 37,5% da cidadanía enquisada considera prioritario analizar e mellorar o estado das redes de subministración. Tamén considera importante estender as zonas verdes ao longo do curso dos ríos (un 23,2%), así como separar as augas residuais das de choiva (21,8%). En menor medida (un 8,5%), vese importante reducir o uso do cemento e enfocar as infraestruturas para que a natureza mitigue o impacto das choivas.
A enquisa completa, na Documentación
A Axenda Urbana 2030 de Santiago segue un proceso vivo en continua construción e actualización, que se retroalimenta coa participación de toda a sociedade. Así, unha vez presentados e discutidos os resultados nos GIS e, ao igual que se ten feito con anterioridade, os resultados da enquisa están xa á disposición de toda a cidadanía a través da sección Documentación para a súa consulta e tamén para recibir aportacións por parte de todas aquelas persoas que así o consideren.
A través desta mesma páxina web do proxecto as persoas interesadas poden atopar todas as actividades relacionadas coa Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela coma os Encontros Emprendedores Axenda Urbana 2030 que se realizarán ao longo deste ano 2023 ou as accións de formación de axentes socioeconómicos do territorio previstas. Nas redes sociais do proxecto, poden atoparse ademais distintos recursos formativos e informativos para mellorar o grao de coñecemento que a cidadanía ten do proxecto (segundo a enquisa, un 35% das persoas participantes coñecen esta iniciativa).