Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Portada » Actualidade » A Axenda Urbana 2030 de Santiago avanza na súa materialización coa apertura do proceso de colaboración

A Axenda Urbana 2030 de Santiago avanza na súa materialización coa apertura do proceso de colaboración

PresentaciónAxendaUrbana2030SantiagoDeCompostela

A Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela pon en marcha a segunda fase da súa elaboración coa apertura do proceso colaborativo. A presentación desta nova etapa tivo lugar no Pazo de Raxoi e contou coa presenza do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e dos codirectores executivos do proxecto, María Cadaval e Santiago Lago.

Obxectivos compartidos

O rexedor destacou “a importancia de que a cidade se marque unha serie de obxectivos concretos, e que sexan compartidos por todas as persoas”, de aí a importancia deste documento que “servirá de folla de ruta tanto para as institucións que están implicadas no proxecto a través do Consello Económico e Social, como dos propios cidadáns”. O rexedor tamén reiterou “o compromiso do Concello coas liñas directrices que se marquen desde este documento estratéxico”.

Dende a dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela salientaron a importancia desta segunda fase do proceso, xa que supón a “implicación de toda a cidadanía” na elaboración do documento estratéxico que marcará os retos a acadar pola cidade do futuro. Para iso, xa está en marcha a web www.axendaurbana2030santiago.gal, a través da cal se pode consultar toda a información relativa a este proxecto.

Seis Grupos de Impulso e Seguimento

Tras completar a fase de diagnose e análise da situación do municipio, María Cadaval e Santiago Lago crearon seis Grupos de Impulso e Seguimento (GIS), centrados nas diversas temáticas chave do proxecto. Estas son: Economía; Dimensión Cidadá; Mobilidade e Territorio; Cohesión Social; Educación, Patrimonio e Arte, e Sustentabilidade e Transición Verde.

Para iniciar esta fase propositiva, poranse en marcha durante este mes de marzo encontros cos diversos axentes implicados dentro de cada un dos GIS. O obxectivo destas reunións é explicar o proxecto e recoller aquelas achegas que resulten de interese para enriquecer este documento.

Tanto María Cadaval como Santiago Lago incidiron na importancia desta segunda fase, xa que resulta “determinante para contribuír á socialización do deseño da Axenda 2030 a través dun proceso de acción construtivo coa implicación e compromiso de tódalas partes. Só deste xeito a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela terá garantida a súa lexitimación e implementación no desenvolvemento sostible e inclusivo do territorio”.

Participación cidadá

Unha vez rematadas as reunións cos axentes implicados, elaborarase un documento de sinopse coas principais conclusións derivadas dos devanditos encontros para despois proceder á elaboración dunha serie de cuestionarios. A través deles preténdese recoller todas as achegas e propostas da cidadanía para tomalas como referencia e traballar nesa folla de ruta para o Santiago do 2030.

O formulario final estará dispoñible a través da web. As persoas interesadas deberán cubrir a información solicitada e responder a todas ou a unha parte das preguntas que se agruparán nas temáticas dos distintos GIS.

ODS 11

Esta iniciativa inclúese na Agenda Urbana Española. O documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *