DIAGNOSE PREVIA > Cidade
Modelo de Cidade
Na análise do modelo de cidade saliéntase, por unha banda, a relevancia de Santiago no conxunto da comunidade autónoma e a súa posición central dentro do sistema urbano galego. Pola outra, o Concello dispón de ferramentas sólidas que permiten unha axeitada planificación e xestión urbanística, que serán chave á hora de afondar no modelo de cidade compacta do futuro, adaptada ao cambio climático e á transición enerxética e ecolóxica.
A pesares de contar cun núcleo urbano compacto, o modelo de distribución de determinados equipamentos básicos non terminan de favorecer a consolidación dunha cidade peonil e camiñable. A isto súmase a dispersión poboacional na área norte, onde resulta moi complicado achegar todos os servizos nas mesmas condicións, e tamén o éxodo da poboación nova a municipios da periferia.
Servizos como os de residencias de maiores non permiten manter a continuidade da vida social das persoas usuarias nos seus barrios de orixe. Porén, si se detecta que a cidade dispón dun tecido urbano cun razonable equilibrio entre usos terciarios e residenciais. Ademais, Santiago conta coa vantaxe de ter unha rede moi variada e ben distribuída de espazos verdes, que favorecerán os espazos de convivencia e intercambio social.
Retos en materia de modelo de cidade
Posta en marcha dun modelo territorial en coordinación cos municipios lindeiros
para acadar unha área urbana compacta e axeitadamente articulada.
Revisar as dotacións das redes de servizos existentes
para que favorezan as relacións de proximidade dentro da malla urbana e cumprindo cos criterios de cidade paseable.
Favorecer a continuidade da vida social das persoas maiores
a través dunha axeitada distribución das residencias que non desarraiguen dos seus barrios ás persoas usuarias.
Aproveitar os eixos comerciais da cidade para crear percorridos peonís
que enlacen os diferentes barrios e promover o equilibrio entre usos terciarios e residenciais.
Promover unha ambiciosa estratexia ambiental que permita conectar todo o territorio
tomando o río Sar como columna vertebral.