Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

DIAGNOSE PREVIA > Cohesión Social

Cohesión Social e Igualdade de oportunidades

A análise detectou tres tipos de vulnerabilidade en Santiago: feminina (cunha media de idade máis envellecida e maior nivel de dependencia); territorial (coa zona norte illada e con máis porcentaxe de poboación maior), e de vivenda (cun amplo número delas en mal estado, ás que se suman a redución do tamaño medio do fogar, o encarecemento da vivenda e o envellecemento poboacional). Sen embargo, Santiago conta cuns servizos sociais ben definidos e en constante adaptación aos cambios. Tamén dispón de plans de actuación sobre igualdade, emprego e servizos sociais que poden servir para paliar as problemáticas con respecto á igualdade de xénero e ao incremento da violencia de xénero.

Compostela ten a vantaxe de contar cunha poboación cun nivel de estudos superior á media e un nivel de paro inferior. Sen embargo, existen certos grupos poboacionais envellecidos e con baixo nivel de estudos que poden atoparse con dificultades para adaptarse á dixitalización da administración local.

Aínda que o modelo territorial de área urbana pode estar expulsando á poboación vulnerable a outros municipios, si se detecta unha diversidade de rendas dentro do casco urbano, que pode ser chave na cohesión social. Ademais, cómpre explorar novas fórmulas residenciais que integren a vulnerabilidade.

Retos en materia social

Favorecer a configuración do centro urbano

como un espazo de convivencia entre diferentes e xerar novos modelos residenciais que respondan ás necesidades concretas de colectivos como os dos maiores, as persoas social e economicamente vulnerables ou as persoas con diversidade funcional.

Adaptar os servizos sociais ás transformacións demográficas e tecnolóxicas

en marcha e establecer unha coordinación nesta materia e en igualdade cos concellos da área urbana.

Desenvolver unha política integral

con apoio e reforzo dos servizos sociais e que incremente os esforzos públicos en materia de igualdade de xénero.