DIAGNOSE PREVIA > Economía circular
Xestión sostible dos recursos e economía circular
A análise sobre a xestión sostible dos recursos e a economía circular pon de manifesto os problemas existentes na rede de saneamento e na captación e tratamento de augas pluviais. Por iso, fanse precisas accións neste senso, que poden vir favorecidas por diversos factores. A extensa rede de parques da cidade e o territorio forestal e agrario existente arredor da cidade poden mellorar a xestión do ciclo da auga ao aumentar a súa capacidade de retela. Do mesmo xeito, pódense introducir medidas baseadas na natureza para reter os excedentes de auga, dados os niveis de precipitación medios no municipio.
Xa en materia de tratamento de residuos, detéctase a necesidade de optimizar a recollida selectiva da fracción orgánica, que supón unha porcentaxe superior ao 85% dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU). Porén, si se observa na análise un progresivo incremento no volume de residuos xestionados nos puntos limpos. Ademais, preséntase tamén a oportunidade de tratar este tipo de residuos para a obtención de compost que se podería reutilizar nas zonas verdes da cidade, favorecendo, así, a economía circular.
Uns factores favorecedores que, sumado a modificacións no subministro da enerxía eléctrica municipal e accións para reducir a elevada dependencia dos combustibles fósiles, poden optimizar a xestión sostible dos recursos.
O modelo de recollida de residuos municipal, tamén mudará nos vindeiros meses coa implantación do quinto colector para a recollida de biorresiduos. O Concello de Santiago está nestes momentos elaborando o seu Plan de acción polo clima e a enerxía sustentable (PACES) así coma o seu Plan de Economía Circular.
Retos en materia de economía circular e xestión sostible dos recursos
Aumentar a capacidade de depuración da auga
para favorecer a rexeneración ambiental das ribeiras do río Sar.
Incrementar a dispoñibilidade de redes separativas
e a capacidade de retención de auga para optimizar o seu aproveitamento e para previr e xestionar inundacións.
Actuar sobre a mobilidade e a organización da loxística
e aumentar a capacidade de produción eléctrica (distribuída) para a redución do consumo de combustibles fósiles.