Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Portada » Actualidade » O II Encontro Emprendedor da Axenda Urbana 2030 salientou a importancia da participación veciñal na transformación do Modelo de Cidade

O II Encontro Emprendedor da Axenda Urbana 2030 salientou a importancia da participación veciñal na transformación do Modelo de Cidade

SegundoEncontroAxendaUrbana01

O ciclo de Encontros Emprendedores da Axenda Urbana 2030 continuou coa súa segunda xornada centrada na temática do Modelo de Cidade. Unha vintena de persoas déronse cita no Mercado Galego da Creatividade para coñecer máis detalles sobre esta temática tan extensa e complexa, e sobre a que se abriu un interesante debate.

A xornada contou coa participación de Mercedes Vázquez Bartomeu, historiadora e veciña do barrio de San Pedro, que achegou a súa experiencia sobre a importancia da participación cidadá nos procesos de planificación urbana, e de Luciano González Alfaya, arquitecto e coordinador de estratexias para a transformación urbana sostible. O Encontro Emprendedor desenvolveuse en formato debate, dado o perfil das persoas asistentes (profesionais da arquitectura e o urbanismo, asociacións veciñais e cooperativas do tecido económico de Compostela, entre outras), que enriqueceron a conversa e abordaron temáticas fundamentais no desenvolvemento da cidade do futuro.

Durante a sesión, púxose de manifesto a importancia e a oportunidade que xeran as Axendas Urbanas para fomentar a participación cidadá, poñendo en valor ao tecido asociativo como entidades con saberes e propostas a ter en conta na planificación urbana. Neste senso, salientouse que o tecido asociativo de Compostela conta cunha riqueza de persoas e propostas que non se está a ter en conta. Aínda existen prexuízos sobre as persoas que participan destas entidades, sendo as grandes descoñecidas da cidade e tendo moito que aportar ao debate.

No debate abordouse a Compostela do pasado e a súa capacidade de reinventarse, así como as preocupacións presentes (co modelo de turismo e as súas consecuencias como principal eixo de debate). A gobernanza, a toma de acordos, a transparencia na información, a identidade e as relacións comunitarias, os liderados e a capacidade de transformación da cidade foron outros temas abordados ao longo do Encontro Emprendedor. Unha vez rematado o debate, o Mercado Galego da Creatividade ofreceu un espazo informal para compartir ideas e tecer redes.

Terceira sesión, sobre o Cambio Climático e Resiliencia

O terceiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 25 de abril, e xirará entorno ao Cambio Climático e Resiliencia, que corresponde co obxectivo estratéxico 3 da Axenda Urbana Española. A xornada contará coa participación de Miguel Pardellas, de Feitoría Verde. A asistencia é de balde, previa inscrición a través da seguinte ligazón https://forms.gle/YcYsB7XWAVo299n88.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *