A Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta acolleu onte a celebración do I Foro de Mobilidade. Unha cita que marcou un fito no eido da participación cidadá que servirá para marcar as liñas de actualización do Plan Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), en consonancia coas liñas de actuacións marcadas para a materialización da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela.
Foron 150 as propostas de mellora as realizadas durante este foro aberto á cidadanía. Neste senso, abriuse un proceso de participación dixital en directo para todas as persoas que acudiron ao CSC Santa Marta. Deste proceso de escoita presentáronse como principais necesidades e retos a “eliminación de vehículos das rúas da cidade”, “crear aparcadoiros disuasorios”, “limitar o tráfico no perímetro azul da cidade vella”, “máis sendas verdes para acceder do rural ao urbano”, “mellorar o transporte público” e “ampliar frecuencias dos autobuses”.
O I Foro de Mobilidade foi presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen salientou a importancia de contar coa opinión da cidadanía para definir “o futuro da mobilidade da nosa cidade”. Unha das prioridades que se terá en conta nesta materia será que “a partir de 2025 entre en funcionamento o novo sistema de reparto de mercancías no casco vello”.
Así mesmo, púxose manifesto a importancia de reforzar as alternativas de transporte público entre a poboación. De feito, o 25% das persoas enquisadas fixou como prioridade este tipo de alternativa, mentres que un 18% se decantaba polo fomento da mobilidade branda (a pé ou en bicicleta). Pola súa banda, un 13% solicitaba melloras na xestión do tráfico e un 11%, na propia mobilidade.
A través do propio PMUS preténdese levar a cabo unha serie de optimizacións na mobilidade que melloren datos como os seguintes: o 55% das persoas enquisadas no I Foro de Mobilidade indicou que emprega como medio de transporte habitual o coche como condutor, mentres que un 31% se despraza a pé. Un 4% desprázase en coche como acompañante, ao igual que as persoas que o fan en bicicleta. Finalmente, só un 1% se despraza pola cidade en moto.
Ao igual que no caso da propia Axenda Urbana 2030 de Santiago, a participación cidadá no desenvolvemento de iniciativas e proxectos para a Compostela do futuro resulta de vital importancia. Neste senso, desde o Concello estanse a desenvolver diferentes propostas que procuran as achegas de residentes.