O ciclo de Encontros Emprendedores da Axenda Urbana 2030 continúa a súa andaina coa quinta sesión. Esta terá lugar o vindeiro martes 20 de xuño de 10.00 a 12.30 horas no Espazo Galego da Creatividade (Creativas Galegas, na rúa Caldeirería, 36). A asistencia é de balde previa inscrición nesta ligazón.
Baixo o título A igualdade de oportunidades e a cohesión social: promovendo actitudes por un mundo mellor, este Encontro Emprendedor abordará a experiencia empresarial da consultoría Promove, liderada en Compostela por tres mulleres que deciden emprender tras a crise de 2008. A relatora será Fátima Rodríguez, quen dará a coñecer máis polo miúdo este proxecto, enfocado na promoción da igualdade e da xustiza social.
Do mesmo xeito, as persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer outras iniciativas relacionadas coa recuperación da memoria e identidade de mulleres rurais, a promoción de boas prácticas empresariais en empresas compostelás, ou os Campus emprendemento, un proceso de formación práctica dirixido á mocidade.
Nunha segunda parte do Encontro Emprendedor resérvase un espazo de conversa onde intercambiar ideas e experiencias coas persoas asistentes. Así mesmo, Creativas Galegas ofrecerá un almorzo de produtos galegos. Pódese consultar máis información escribindo ao enderezo electrónico encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.
Ciclo de Encontros Emprendedores
O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Ao tempo, pretende facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago. Nestas xornadas preséntanse iniciativas empresariais desenvoltas en Santiago, que dan resposta aos retos identificados pola cidadanía de cara aos vindeiros anos.
Os Encontros Emprendedores estanse a desenvolver ao longo do 2023 coas seguintes temáticas:
- Marzo: Modelo de cidade
- Abril: Cambio climático e resiliencia
- Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
- Xuño: Mobilidade e transporte
- Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
- Agosto: Economía urbana
- Setembro: Vivenda
- Outubro: Era dixital
- Novembro: Gobernanza