Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Cabecera GIS 1
Cabecera GIS1-Movil-100
FASE PROPOSITIVA \ GIS 1

GIS Economía

A primeira das reunións desta fase propositiva foi a do Grupo de Impulso e Seguimento de Economía (GIS 1), centrado en temáticas como base económica, modelo produtivo, economía circular e innovación. Neste encontro, participaron arredor de 20 representantes de diversos eidos. E máis concretamente, a Confederación de Empresarios de Galicia; o Consello de Contas de Galicia; o Consorcio de Santiago de Compostela; o goberno local do Concello de Santiago; os grupos locais do BNG, Compostela Aberta e Partido Popular; os sindicatos Labrego e Comisións Obreiras; a Universidade de Santiago de Compostela; persoal municipal das áreas de emprego, comercio e promoción económica, e representantes do empresariado da cidade.

Desde a dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, tanto María Cadaval como Santiago Lago explicaron o proceso de elaboración deste documento estratéxico enmarcado no proxecto da Agenda Urbana Española. Tomando a diagnose como referencia, estableceuse a base sobre a reflexión compartida. Nela, as persoas participantes abordaron a necesidade de explorar novos modelos de produción a través dos que se procure a eficiencia e a sustentabilidade.

Nunha cidade tan dependente do sector servizos, e coa transición económica que se está a vivir, as persoas asistentes coincidiron en salientar a necesidade dun cambio de modelo económico, pasando do lineal actual a outro circular. Neste senso, cuestións como a reindustrialización, as posibilidades da innovación aplicadas á empresa, as oportunidades da economía circular, social e de proximidade verde ou os procesos de dixitalización tórnanse chave para o desenvolvemento da cidade do futuro. Un proceso de transformación que precisa da colaboración interadministrativa para facelo realidade.

Ademais, desde o GIS de Economía púxose de manifesto a importancia da mobilidade como factor de competitividade e económica, así como as posibilidades de dar uso aos locais comerciais e outras edificacións baleiras ou a xestión dos espazos públicos. Uns factores aos que se sumarían a axeitada xestión de residuos,  consumo responsable e os modelos de negocio que aproveiten todo o potencial da cidade.

Foto 2 GIS 1