Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Portada » Actualidade » Entrega dos premios pola participación no certame de traballos literarios da Axenda Urbana 2030 de Santiago

Entrega dos premios pola participación no certame de traballos literarios da Axenda Urbana 2030 de Santiago

EntregaPremiosAxendaUrbanaColexioJuventud

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá a entrega de premios pola participación no certame de traballos literarios impulsado pola Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. O acto desenvolveuse nas instalacións do CPR Plurilingüe Juventud, onde se deu cita o alumnado do centro e veciñanza, e nel tamén participaron o director do centro, Alfonso Pazo, e unha das responsables do desenvolvemento das actividades de dinamización participativa, Patricia Fernández.

Na súa intervención, o rexedor agradeceu ás crianzas a súa “implicación na aportación de ideas para construír o Santiago do 2030 que queredes. Como cidade amiga da infancia, non podiamos facer outra cousa máis que ofrecervos oportunidades para que nos poidades trasladar as vosas inquedanzas. Sodes o futuro e queremos procurar unha Compostela acaída ás vosas necesidades; unha Compostela sustentable e implicada co benestar social”, concluíu o rexedor.

Un total de 16 alumnas e alumnos que o pasado ano cursaban o segundo ciclo de Educación Primaria recibiron cadanseu bono agasallo para canxear no comercio local especializado en material e xogos educativos. Do mesmo xeito, o propio Colexio Juventud recibiu outro bono agasallo para gastar neste mesmo tipo de establecementos.

Os microrrelatos presentados polo alumnado deste centro escolar relataban como lles gustaría que fose o Santiago do futuro. Entre as propostas trasladadas, atópanse o incremento dos carrís bici na cidade, máis zonas de xogos e parques cubertos, pistas de skate ou, incluso, a creación dun parque acuático. Unhas inquedanzas que se toman de referencia para coñecer as demandas da poboación máis nova e para acadar unha cidade do futuro máis implicada coa infancia.

Accións de participación cidadá

A Axenda Urbana 2030 compostelá continúa a súa andaina a prol da implicación cidadá co desenvolvemento de dúas novas iniciativas. Por unha banda, o Concello de Santiago vén de abrir o prazo de inscrición para o curso Axenda Urbana 2030. Unha iniciativa formativa dirixida a profesionais dos axentes socioeconómicos implicados no proceso de construción deste importante proxecto e tamén a persoal municipal. Os ODS, o desenvolvemento urbano en Europa, os mecanismos e marcos de financiamento, os contidos básicos da Axenda Urbana Española e o proceso de elaboración e posta en marcha dunha Axenda Urbana e dun plan estratéxico de acción local centrarán as principais temáticas desta proposta.

O curso, a realizar en modalidade on line, consta de 40 horas e é de carácter gratuíto. Desenvolverase entre o 15 de marzo e o 16 de maio. Para inscribirse, só hai que cubrir este formulario de participación e remitilo a cersia@santiagodecompostela.gal antes do 3 de marzo ás 12.00 horas.

Encontros emprendedores

Como complemento a esta acción formativa, porase en marcha un programa de Encontros Emprendedores, que se desenvolverán de xeito mensual. Esta iniciativa procura, por unha banda, dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, por outra, servir de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

A primeira das sesións terá lugar o vindeiro martes 28 de febreiro de 10.00 a 12.00 horas na sé do Mercado Galego da Creatividade (na rúa da Caldereiría). A xornada, que leva por título Territorio, paisaxe e diversidade. Dinamizando colectivamente o territorio a través da arte, ofrecerá a experiencia de Clara Cordeiro, integrante de 7H Cooperativa cultural. A protagonista compartirá detalles sobre os proxectos de dinamización rural e urbana que desenvolveron, tomando como fío condutor a arte e o diálogo comunitario.

Para asistir a esta xornada, cómpre inscribirse a través do formulario en liña: https://forms.gle/kjGM3onaqqJHtqqAA. A asistencia é de balde.

Os encontros continuarán en marzo, coa temática Modelo de cidade, mentres que en abril será Cambio climático e resiliencia. A sesión de maio versará sobre Xestión sostible dos recursos e economía circular. En xuño falarase sobre mobilidade e transporte, e en xullo, sobre Cohesión social e igualdade de oportunidades. Agosto será o mes da Economía urbana e setembro, o da Vivenda. Finalizará o ciclo de Encontros Emprendedores coa xornada sobre Era dixital, en outubro, e outra sobre Gobernanza, en novembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *