Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

9-Era dixital-Cabecera-movil-100
DIAGNOSE PREVIA > Era dixital

Era dixital

A maioría dos fogares de Santiago están dixitalizados e conectados á rede. Porén, existe unha zona branca de conexión de nova xeración que deixa fóra da cobertura de redes de banda ancha ao Casco Histórico e a contorna do Parque de Belvís. Unha situación que podería ter un punto de apoio na Universidade, xa que a través dos seus coñecementos, capacidade e estruturas poderían dar soporte e xerar solucións baseadas na innovación.

No tocante á propia administración local, detéctanse carencias na integración das novas tecnoloxías nos seus procesos internos, cunha falla de dixitalización en diferentes instrumentos de planificación propios doutros ámbitos temáticos. A isto cómpre sumar a necesidade de persoal cualificado para estender a dixitalización e aproveitar todas as súas posibilidades. Entre elas, extraer e analizar  grandes cantidades de datos que permitirán unha toma de decisións moito máis informada e tamén optimizar o funcionamento interno do Concello.

Aínda que a relación entre a administración local e a cidadanía está case totalmente dixitalizada, detéctase unha fenda dixital que exclúe do uso das novas tecnoloxías a un 15% da poboación. Neste senso, resulta fundamental achegar solucións para esta porcentaxe da poboación.

Retos en materia de dixitalización e innovación

Converter os campus universitarios en polos de dixitalización

para desenvolver iniciativas de innovación, participación e/ou coñecemento que se poidan trasladar ao resto da cidade.

Fomentar a integración de novas solucións dixitais

que aporten un valor engadido real á cidade, conectándoas cos instrumentos de planificación e centrándoas en resolver necesidades concretas.

Avanzar na dixitalización e automatización dos procesos internos do Concello,

promovendo a formación do persoal e favorecendo a recollida de datos xerados, integrándoos nunha plataforma única que permitirá o seu tratamento e análise masivo que favorecerá a toma informada de decisións e unha maior transparencia.

Manter a infraestrutura física da administración local que facilite a comunicación

entre a Administración local e a cidadanía, especialmente para esa porcentaxe de poboación que non utiliza e/ou non ten conexión á internet.