Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Conceptos chave para entender a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela (I)

ConceptosChaveAxendaUrbanaSantiagoI

A Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela é un documento estratéxico que abrangue multitude de aspectos. Coa fin de facilitar a comprensión deste proxecto e das súas implicacións, explicámosche, licámosche, dun xeito sinxelo, cinco conceptos chave cos que comprenderás gran parte da información proporcionada neste portal web, así como algunhas cuestións plantexadas no formulario de participación e na documentación pendurada.

Economía Circular

Un dos conceptos que te atoparás de xeito recorrente nesta web é a Economía Circular, ou o cambio de modelo dunha economía lineal a outra circular. Este termo fai referencia, en poucas verbas, a unha modificación nos hábitos de consumo que leve a unha redución dos residuos. O modelo lineal actual consiste na seguinte secuencia: extraer, fabricar, consumir e desbotar. De seguir así, os recursos naturais están condenados a esgotarse, ademais de que se incrementa dun xeito exponencial a cantidade de residuos e, por ende, a contaminación e os efectos adversos sobre o medio ambiente.

Pola súa banda, a economía circular fai que se repense toda a cadea de produción coa fin de que sexa máis eficiente e nos permita producir máis con menos recursos. Deste xeito, ao apostar por un novo modelo para a fabricación estase a fomentar a innovación e modernización da industria. Ao tempo, se conseguimos ser máis eficientes, seremos tamén máis competitivos, o que levará a crear empregos de alto valor engadido. Para reducir emisións e producir máis e dun xeito máis eficiente, cómpre apostar pola economía local, impulsando, así, un patrón de consumo máis xusto e sostible, que levará a reducir as emisións -principalmente, as derivadas do transporte de mercadorías- protexendo, finalmente, o noso planeta e a nosa saúde. Se somos quen de converter os residuos en recursos reducirémolos ao mínimo e poderemos aproveitar ao máximo aqueles que non se poidan reciclar.

Así, a economía circular está baseada nos principios dos 7 R:

  • Redeseñar a cadea de produción, creando produtos con maior durabilidade (evitando, entre outros aspectos, a chamada obsolescencia programada)
  • Reducir os residuos derivados do consumo
  • Reutilizar os produtos alongando a súa vida e evitando, deste xeito, unha produción masiva
  • Reparar obxectos en troques de desbotalos directamente cando deixan de funcionar ou reparar o uso doutros obxectos vellos para que se poidan usar de novo
  • Renovar a vida dos produtos dándolles outros usos (por exemplo, plásticos que poden servir de base para outro tipo)
  • Recuperar aqueles recursos que se están a utilizar (especialmente, no caso dos recursos naturais, fomentando a recuperación da propia natureza)
  • Reciclar utilizando, entre outros, os métodos de recollida selectiva ou apostando por prácticas como a elaboración de compost reducindo, deste xeito, os residuos

Levando a cabo todas estas accións pecharíase o círculo. Deste xeito, o que se extrae hoxe poderá ser o abono do mañá. Neste senso, apélase dende a Axenda Urbana a repensar o modelo produtivo en Santiago de Compostela coa fin de contribuír aos sete principios anteriormente detallados.

Biotecnoloxía

A Biotecnoloxía é unha ciencia multidisciplinar que procura a aplicación das novas tecnoloxías en sistemas biolóxicos, organismos vivos ou os seus derivados coa fin de crear ou modificar produtos ou procesos para a obtención de bens e servizos. Dada esa ampla variedade de campos son numerosas as disciplinas nas que se aplica a biotecnoloxía (agronomía, bioloxía, bioquímica, ecoloxía, enxeñería, física, medicina, química, veterinaria, viroloxía ou xenética), chegándose incluso a distinguir varias categorías segundo cores.

Como casos ilustrativos, a biotecnoloxía aplícase en procesos como a creación de novos fármacos e vacinas para combatir e erradicar novas doenzas. Tamén se aplica nos procesos de restauración de ecosistemas, recuperando, por exemplo, as augas a través da utilización de microorganismos. No caso dos ecosistemas mariños, procura alternativas sostibles para controlar a proliferación de pragas. Na agricultura, estaría presente na procura de alimentos máis nutritivos, plantas máis resistentes ás pragas e alternativas ao uso de fertilizantes. Xa na produción industrial, esta ciencia utilízase para crear produtos que consuman menos enerxía e que xeren poucos residuos durante o seu proceso de produción -como os biocombustibles-.

Como se pode comprobar, a importancia da biotecnoloxía vén dada polas amplas contribucións que pode facer e xa está a facer a prol da conservación do planeta, ao tempo que se converte nun importante sector produtivo. Precisamente por iso é tan importante, como se pon de manifesto na diagnose da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, o desenvolvemento do Pacto pola Sionlla e do seu Polo Biotecnolóxico, a través da colaboración público-privada. Nela adquire especial relevancia o talento procedente da Universidade de Santiago de Compostela, que pode resultar chave á hora de levar a cabo proxectos que redunden en beneficio do municipio e que xeren emprego de calidade.

Turistificación

Unha das verbas de moda, que alude a unha masificación do turismo, que deriva dun conflito entre a afluencia de visitantes a un lugar concreto e as persoas residentes no mesmo. Entre os aspectos a controlar para poñer coto á turistificación atópase a regulación de pisos turísticos nas cidades, xa que poden chocar coa convivencia coas vivendas de carácter residencial.

No caso concreto de Compostela, non existe esa turistificación, tal e como se desprendeu dos estudos do Proxecto BODAH (Big Open Data Atlantic Heritage, promovido por Nacións Unidas), sendo Santiago unha das cidades pioneiras en desenvolvelo. A través do BODAH, púidose medir e tamén entender dun xeito máis claro o comportamento de visitantes e residentes dentro da cidade -especialmente no casco histórico- coa fin de facilitar a súa xestión e lograr un turismo sostible.

Porén, na diagnose da Axenda Urbana 2030, si se contempla o estabelecemento de medidas que preveñan este fenómeno. Deste xeito, e tal e como se concretou no propio proxecto BODAH, apélase a fortalecer un modelo de turismo sostible, dos fluxos da cidadanía e que redistribúa os seus impactos a través, entre outras accións, do uso de datos e de tecnoloxías intelixentes.

Cohesión Social

Este termo fai alusión á capacidade da sociedade de vivir en comunidade, con todo o que isto implica, alcanzando unha convivencia forte na que todas as persoas gocen das mesmas oportunidades á hora de acceder a servizos e dereitos básicos. Neste senso, a cohesión social baséase, entre outros, nos principios de inclusión, igualdade, integración, solidariedade, xustiza social, inclusión e pertenza.

Unha sociedade cohesionada é aquela na que as persoas se sintan seguras, con capacidade e interese para participar das accións que competen á mellora do conxunto do grupo. Noutras verbas, canto máis unida estea unha sociedade, mellor convivencia haberá entre as persoas que a integran e, nun último caso, a democracia tamén funcionará mellor.

Aplicado ao caso da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, procúrase o desenvolvemento de accións que favorezan a convivencia entre diferentes e que reduzan as desigualdades. Deste xeito, favorécese o acceso a todo tipo de servizos públicos (desde a atención médica, a unha axeitada xestión de procedementos administrativos de toda clase, pasando por unha educación de calidade). Ao tempo, procúrase favorecer a empregabilidade dende a base, fomentando o coñecemento e unha formación permanente da cidadanía. Unhas medidas que redundarán nun sentimento de identidade da poboación para coa cidade na que vive.

Transición Verde

Este concepto atópase directamente vencellado ao de cambio climático. Comprende todas aquelas estratexias encamiñadas a paliar os efectos nocivos que a nosa forma de vida está a ocasionar no medio ambiente e, na medida do posible, reverter parte dos danos xa ocasionados. É dicir, a transición verde é o proceso de transformación que se levará a cabo de cara aos vindeiros anos, e máis concretamente, no horizonte do 2030, para chegar á sostibilidade.

Entre as accións, concretadas pola Axenda 2030 Europea para o Desenvolvemento Sostible atópase reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e, ao tempo, limitar o incremento da temperatura do planeta a 1,5 graos. Así, as institucións deberán promover diverso tipo de iniciativas encamiñadas a esta fin. Entre elas, salientan, por exemplo, a instalación de placas solares; incentivar o uso de medios de transporte colectivos e/ou non contaminantes, ou utilizar medidas de eficiencia enerxética -como a substitución de luminarias por outras de baixo consumo-.

A transición verde implica, en poucas verbas, o compromiso de todos os axentes sociais a través da aposta polas enerxías renovables e alternativas menos contaminantes. Unha liña a seguir que tamén se traza na Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela a través da elaboración deste documento estratéxico. Entre outros propósitos, concrétanse accións encamiñadas a acadar unha mellor distribución da poboación e un urbanismo sostible e inclusivo que contribúa a reducir o impacto medioambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará