Saltar ao contido

Agenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

Portada » Actualidade » A Axenda Urbana 2030 de Santiago inicia o proceso de socialización do proxecto coa fase de participación cidadá

A Axenda Urbana 2030 de Santiago inicia o proceso de socialización do proxecto coa fase de participación cidadá

PresentacionFaseParticipacionCidadaAxendaUrbana2030Santiago

A Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela vén de iniciar oficialmente o seu proceso de participación cidadá a través dos formularios en liña que se poden ver na súa renovada web. Esta nova fase do proxecto presentouse esta mañá no Pazo de Raxoi, onde se concretaron máis detalles sobre como realizar as achegas. Ao tempo, animouse a toda a cidadanía a ser partícipe na elaboración deste documento estratéxico que marcará o futuro da capital galega.

Un reflexo para a cidadanía

O acto contou coa presenza do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e de María Cadaval e Santiago Lago, ao cargo da co-dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Na devandita presentación, salientouse a necesidade de integrar neste documento estratéxico o maior número de achegas posible. Neste senso, o rexedor salientou “a importancia de que a cidade se marque unha serie de obxectivos concretos, nos que toda a cidadanía se sinta incluída e reflexada“.

Esta nova fase do proxecto conforma o seguinte chanzo ás primeiras aportacións realizadas durante o mes de marzo a través das reunións dos 6 Grupos de Impulso e Seguimento (GIS): Economía; Dimensión Cidadá; Mobilidade e Territorio; Cohesión Social; Educación, Patrimonio e Arte, e Sustentabilidade e Transición Verde. “Foi unha participación xenerosa, traballada e fructífera e na que participaron arredor dun cento de persoas“, indicou María Cadaval, quen se encargou de explicar brevemente como realizar as achegas a través dos formularios pendurados na renovada web www.axendaurbana2030santiago.gal.

Implicación necesaria

O portal web conta con máis información e documentación sobre o proceso de elaboración deste documento estratéxico que marcará o futuro da cidade. Neste senso, María Cadaval salientou a importancia de “que a xente se implique, que sexa partícipe deste proxecto e que propoña cales son esas accións necesarias para os anhelos da Compostela do 2030″.

Pola súa banda, Santiago Lago puxo de manifesto a boa acollida que está a ter a Axenda Urbana 2030. Neste senso, lembrou que “estamos a traballar con moita xente de distintos ámbitos e cantas máis persoas se unan para facer as súas achegas, mellor“. Precisamente o papel da dirección executiva deste proxecto pasa por “ir decantando as ideas propostas para quedarnos coas máis poderosas. Facemos un pouco o papel de Demiurgos desta fase de participación cidadá”, concretou o co-director executivo.

Como participar na Axenda Urbana 2030?

Todas as persoas que queiran realizar a súa achega a este documento estratéxico só teñen que acceder á web www.axendaurbana2030santiago.gal. Unha vez aquí, atoparanse cunha sección que se chama Participa. Premento no botón correspondente xa se dá acceso ao formulario que consta de dúas partes: unha primeira na que se deben cumprimentar datos sociodemográficos e unha segunda, nas que se plantexan diversas preguntas organizadas en 6 temáticas, que se corresponden cos GIS. Pódese respostar a un bloque temático, a varios ou a todos, dependendo dos intereses de cada persoa.

María Cadaval adiantou que “xa se fixeron as primeiras achegas a través destes formularios en liña. Ao pouco de abrir a nova web recibimos xa varias propostas”, explicou. Para saber con máis detalle como realizar a túa aportación, podes consultar esta entrada do noso blogue.

Construír a Compostela da vindeira década

A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *